Friday 03 de May de 2024

Un acordo a tres partes entre Abanca, Afundación e Concello permitirá exhibir en Riveira a expo “Oficios entre lusco e fusco”


No Centro Cultural Lustres Rivas do 29 de xuño ao 2 de xullo

Concello, Abanca e Afundación veñen de asinar un convenio de colaboración a tres bandas en virtude do cal a cidade de Riveira vai dar cabida do 29 de xuño ao 2 de xullo a unha nova exposición titulada “Oficios entre lusco e fusco”, formada por 35 fotografías obra de Xosé Abad.

Jesús Soto como director da zona Santiago-Barbanza de Abanca, María Teresa Cores como coordinadora de Cultura de Afundación, e o alcalde Manuel Ruiz foron os encargados de asinar un acordo que permitirá exhibir a citada mostra no Centro Cultural Lustres Rivas: unhas dependencias que precisamente pertenceran no seu momento á entidade financeira.

“Oficios entre lusco e fusco” está coproducida por Afundación e o Museo do Pobo Galego e recolle oficios artesáns en desaparición.

María Teresa Cores explicou que este proxecto responde á intención de traspasar as paredes da fundación e chegar a vilas e cidades para contribuír a divulgar a arte entre cantos máis cidadáns mellor: “unha misión no que os Concellos son básicos”, dixo. Jesús Soto incidiu en que non só queren ser aliados financeiros senón tamén participar na vida social e cultural da comunidade.

En canto a Manuel Ruiz, afirmou que a exposición servirá para dar a coñecer algúns traballos que tamén foron habituais no pasado de Riveira e que será un magnífico complemento á mostra permanente de muñecas caracterizadas de forma tradicional que alberga o último andar da Sala Museo Municipal de Riveira.